ELI en España

A pluralidade do ordenamento español

O ordenamento xurídico español é unha realidade complexa e plural, integrada por normas que corresponden a distintos niveis territoriais (estatal, autonómico e local). Porén, malia que esas normas constitúen un sistema e que se relacionan e enlazan entre elas, a nivel interno prodúcense diferenzas nos sistemas técnicos utilizados para almacenar e presentar a lexislación nas respectivas páxinas web, o que dificulta o acceso dos profesionais do dereito, das empresas e dos cidadáns en xeral, e complica que os sistemas de información lexislativa poidan interoperar entre eles.

Por iso, a implementación do ELI en España resulta especialmente aconsellable xa que, ademais dos beneficios que proporciona a escala europea, no ámbito interno se obterá unha notable mellora no acceso á información xurídica e na interoperabilidade dos sistemas de información legal das distintas administracións.

O desenvolvemento do proxecto

A pluralidade do ordenamento español fixo necesario que a implementación do identificador se realice de forma coordinada por todas as administracións, de acordo coa filosofía marcada polo Esquema nacional de interoperabilidade, o cal ten presentes as recomendacións da Unión Europea.

Por iso, a Comisión Sectorial de Administración Electrónica, que é o órgano técnico para a cooperación da Administración xeral do Estado, das administracións das comunidades autónomas e das entidades que integran a Administración local en materia de Administración electrónica, decidiu crear no ano 2017 un Grupo de traballo ELI para estudar a forma de aplicar este estándar á lexislación española.

A partir do traballo realizado por este grupo, a Comisión Sectorial de Administración Electrónica aprobou, na súa reunión do 13 de marzo de 2018, a Especificación técnica para a implementación do identificador europeo de lexislación en España (fase1).

Esta especificación ten como obxectivo establecer as directrices comúns que require a implementación do ELI no contexto español, de maneira que a identificación e descrición dos recursos legais se realice de maneira coordinada e coherente por parte distintas administracións.

De acordo co enfoque gradual que caracteriza o ELI, e que seguiron o resto de países europeos, optouse por que a implementación en España se realice en varias fases: na primeira fase, o ELI aplicarase unicamente á normativa do Estado e das comunidades autónomas. A complexidade da normativa local e a variable situación tecnolóxica dos boletíns oficiais da provincia e das corporacións locais aconsellan abordar a implementación do identificador á normativa local nun segundo momento.

O calendario estimado para esta primeira fase de implementación do identificador é o seguinte:

  • Implementación polo Estado: antes de 2019.
  • Implementación polas comunidades autónomas: antes de 2020.

Aspectos máis destacados da especificación técnica aprobada pola Comisión Sectorial de Administración Electrónica:

A especificación define o ámbito normativo ao cal atribuír ELI e o modelo URI para a normativa estatal e autonómica (piar 1), así como un conxunto de metadatos mínimos comúns (piar 2).

1. Ámbito de aplicación do ELI:

Tendo en conta que a maior parte da normativa vixente foi ditada con posterioridade á Constitución e que os primeiros estatutos de autonomía se aprobaron en 1979, o ELI aplicarase, polo menos, á lexislación estatal e autonómica publicada a partir do 29 de decembro de 1978. No ámbito estatal tamén se aplicará a todas aquelas normas publicadas con anterioridade e que conten con versión consolidada.

2. Modelo URI para as normas estatais e autonómicas:

Conforme a “especificación técnica” aprobada pola Comisión Sectorial de Administración Electrónica, a estrutura da URI para as normas estatais e autonómicas será a seguinte:

/eli/{jurisdiction}/{type}/{year}/{month}/{day}/{number}/{version}/{version_date}/{language}/{format}

Compoñentes da URI
Campo (ELI) Descrición Formato Valores Comentarios
jurisdiction Xurisdición Lista limitada de valores alfabéticos Táboa de vocabulario controlado ISO 3166 alfa 2: ISO 3166-1 para o Estado.
ISO 3166-2 para as CC.AA.
type Rango da norma Lista limitada de valores alfabéticos (de 1 a 4 letras) Táboa de vocabulario controlado Os rangos identificaranse mediante siglas, de lonxitude variable
year Ano de disposición Valores numéricos Formato AAAA 2001, 2002 … Data de sinatura (yyyy/ mm/dd)
month Mes de disposición Valores numéricos Formato MM 01, 02 …
day Día de disposición Valores numéricos Formato DD 01, 02 …
number
(natural identifier)
Alfanumérico Valores numéricos, en ocasións alfanu- méricos   Con carácter xeral, o número correspóndese co n.º oficial
version Identifica se o recurso legal é o inicial, o consolidado ou o corrixido Lista limitada de valores alfabéticos (3 letras) Táboa de vocabulario controlado  
version_date
(point in time)
Indica a data de actualización que corresponde ao texto consolidado Valores numéricos. Formato: AAAAMMDD   Só para recursos consolidados
language Idioma da disposición Lista limitada de valores alfabéticos Táboa de vocabulario controlado ISO 639-3 (código de 3 letras), cunha adaptación para o valenciano e para os textos bilingües
format Formato de publicación Lista limitada de valores html, pdf, epub, xml Os valores dos formatos débense axustar ás tipoloxías establecidas por IANA

Metadatos ELI comúns:

A implantación do modelo URI en España exixe que se normalicen os metadatos que utilizan as distintas administracións para describiren a lexislación, polo menos aqueles que conteñen a información dos compoñentes da URI.

Por iso, na primeira fase de implementación do ELI en España, o piar 1 abórdase conxuntamente co piar 2, co obxecto de establecer unha relación de metadatos mínimos comúns que faciliten a interoperabilidade da información lexislativa.

A especificación técnica prevé os seguintes metadatos mínimos comúns:

  • eli:jurisdiction
  • eli:type_document
  • eli:date_document
  • eli:number
  • eli:version
  • eli:version_date
  • eli:language
  • eli:format
  • eli:title
  • eli:date_publication
  • eli:publisher (eli:publisher_agent)
  • eli:is_member_of
  • eli:has_member
  • eli:is_another_publication_of
  • eli:has_another_publication
  • eli:realizes
  • eli:is_realized_by
  • eli:embodies
  • eli:is_embodied_by
  • eli:consolidates
  • eli:consolidated_by
  • eli:corrects
  • eli:corrected_by