ELI, un proxecto europeo

Que é o ELI

O identificador europeo de lexislación (ELI) é unha iniciativa, adoptada no ano 2012 conxuntamente polos países e polas institucións da UE, que permite acceder en liña á lexislación nun formato normalizado, de maneira que se poida localizar, intercambiar e reutilizar por riba das fronteiras.

O espazo europeo de liberdade, seguridade e xustiza require do coñecemento do dereito europeo, pero tamén do coñecemento recíproco dos sistemas xurídicos dos Estados membros. Aínda que hai moita información lexislativa dispoñible dixitalmente na internet, a accesibilidade e a interoperabilidade dos sistemas de información das institucións nacionais e europeas vense obstaculizadas polas diferenzas dos distintos ordenamentos xurídicos nacionais, así como polas diferenzas existentes nos sistemas técnicos utilizados para almacenar e presentar a lexislación nos sitios web nacionais.

Neste contexto, o identificador europeo de lexislación (ELI) ten por obxecto facilitar o acceso, o intercambio e a interconexión da información xurídica publicada nos sistemas de información xurídica nacionais, europeos e mundiais, para poñer en marcha unha rede de información legal, dispoñible como conxunto de datos abertos e susceptibles de reutilización.

O estándar ELI inclúe especificacións técnicas sobre:

  • identificadores web (URI) da información xurídica (piar 1)
  • metadatos que especifican a maneira de describir a información xurídica (piar 2)
  • unha linguaxe específica para intercambiar lexislación en formatos de lectura mecánica (piar 3)

Desde 2012 o sistema ELI foi adoptado por unha serie de países europeos (Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Noruega, Portugal, ou Reino Unido) e pola propia Oficina de Publicacións da Unión, con diversa intensidade (panorama da aplicación do ELI).

O éxito do sistema motivou que o 6 de novembro de 2017 o Consello adoptase unhas novas conclusións en relación co ELI e convidase novamente os Estados membros e os países candidatos, os Estados de Lugano e outros Estados a que adopten o identificador de maneira voluntaria e gradual.

As vantaxes do ELI:

  • Máis calidade e fiabilidade dos datos da lexislación

    O ELI axuda a mellorar a calidade e a fiabilidade da información xurídica en liña grazas ao uso de identificadores permanentes e metadatos estruturados.

  • Maior interoperabilidade

    O ELI favorece a interoperabilidade entre os sistemas de información estruturando a lexislación de maneira normalizada, pero tendo en conta ao mesmo tempo as características específicas dos distintos ordenamentos xurídicos.

  • Mellor acceso á lexislación

    Grazas á optimización do buscador, o ELI facilita a localización dos datos xurídicos que así se poden utilizar máis amplamente.

  • Posibilidade de introdución de novos servizos

    O acceso á lexislación de maneira estruturada facilita a introdución de servizos de valor engadido.

  • Aforro de custos

    O ELI aumenta a eficacia dos fluxos de información e aforra tempo á hora de publicar a lexislación.

  • Fomento da transparencia

    Ao mellorar o acceso á información xurídica, o ELI facilita o seguimento do traballo das administracións públicas e favorece así a rendición de contas.